Sunday 08 de September de 2024

O BNG de Cabanas lamenta os atrancos do PP que impiden celebrar o Festival Troula da Verba


A negativa do PP a permitir a celebración do Troula da Verba nas Festas de Santa Marta é unha mostra máis da falta de proxecto e visión do goberno local.

O BNG de Cabanas lamenta profundamente a decisión do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, e o concelleiro de Festas, Joel Ares, de non permitir a celebración da que sería a IV edición do festival cultural Troula da Verba no marco das Festas de Santa Marta.

O BNG considera que esta negativa non só priva á nosa veciñanza de contar cun evento cultural de gran valor, que durante as tres edicións celebradas tivo gran éxito de público, senón que evidencia unha vez máis a falta de proxecto e de visión do goberno local, tamén no eido cultural.
“É inaceptábel que un evento que foi planificado de forma voluntaria e altruísta polos seus organizadores, e que contribuíu a poñer a Cabanas no mapa dos eventos culturais durante o verán, se vexa truncado pola mala xestión do Partido Popular no goberno de Cabanas”, sinalou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.

O BNG reitera o seu compromiso coa cultura e coa promoción de eventos que enriquecen á nosa veciñanza, e agradece o traballo de Lúa Vila e Marcos Filgueiras na organización do mesmo.